



A ESCOLA DE DANZA "PERLA DE AROSA" EMBAIXADORA DE VILAGARCÍA NAS FESTAS DO APÓSTOLO-2011 NA CIDADE AUTÓNOMA DE CEUTA
Cunha invitación do Centro Galego ceutí e do Concello de Ceuta o grupo de danza Aires de Dorna da Asociación de Amas de Casa de Ribeira e a Escola de Danza "Perla de Arosa" de Vilagarcía de Arousa realizarán unha viaxe de carácter turístico e cultural para representar á Comarca de Arousa e a Galicia nas Festas de Santiago Apóstolo e no Día de Galicia na cidade de Ceuta.
A embaixada vilagarciana partirá o xoves 21 ás 20:30 h. xunto cos compañeiros de Ribeira para desplazarse en autobús deica a cidade de Alxeciras para dende alí trasladarse en ferry deica Ceuta.
O venres 22 disporán do día para o coñecemento turístico e lúdico da fermosa cidade de Ceuta.
O sábado 23 serán recibidos oficialmente no Salón Noble do Concello por parte do Alcalde de Ceuta e procederase a un intercambio de agasallos.
O domingo 24 na zona amurallada da cidade, onde se atopa o Centro Galego, terá lugar unha cea de gala, onde haberá unha actuación por parte dos ballets galegos de Aires de Dorna de Ribeira e de Perla de Arosa de Vilagarcía. Tanto o escenario como as mesas, onde se servirá o banquete, estarán ao aire libre, nun marco natural de envidiable beleza onde se pode disfrutar dunha fermosa panorámica da cidade ceutí.
O luns 25 de xullo, Día de Santiago Apóstolo e Día de Galicia os grupos participarán ataviados cos nosos fermosos traxes rexionais na Misa e nun pasarrúas polas principais rúas de Ceuta. Despois do xantar a delegación arousana emprenderá o retorno á Nosa Terra.
Desexamos unha boa viaxe, estancia en Ceuta e feliz retorno aos nosos bailaríns e gaiteiros e que deixen ben alto o pavillón galego nas lonxanas e belidas terras ceutíes. - A DIRECTIVA DA ASOC. CULTURAL "PERLA DE AROUSA" DE VILAGARCÍA.
